Todos un e iguais

 

O noso Centro pretende dar unha formación actualizada, rigorosa e esixente e, ao mesmo tempo, cunha metodoloxía avanzada, axudar ao crecemento e desenvolvemento persoal do alumnado para que adquira e practique tanto as virtudes humanas, como os valores individuais e sociais que esixen os retos da sociedade actual. O modelo educativo aspira a potenciar nos seus alumnos todas as súas capacidades, axudándoos a pensar con sentido equilibrado como cidadáns libres e responsables.

Obxectivos

  • Procurar que cada alumno asuma a súa responsabilidade tanto a nivel persoal como en relación á súa contorna social.
  • Mellorar a capacidade de comprensión verbal dos alumnos, fomentar a lectura e a expresión escrita.
  • Fomentar hábitos de estudo utilizando distintas técnicas de traballo.
  • Desenvolver unha acción titorial e orientadora que teña en conta o tratamento á diversidade e á individualidade.
  • Fomentar comportamentos de responsabilidade que contribúan á autonomía persoal e a mellora da autoestima.
  • Espertar o interese no alumno polos seus propios obxectivos formativos de acordo coas súas capacidades.
  • Mellorar a acción educativa a favor do galego, castelán e inglés.
  • Crear un Proxecto Curricular cunhas pautas de actuación do profesorado para mellorar e unificar criterios educativos. 

Principios Educativos

Educar de modo integral. O centro educativo debe ser un lugar de procura permanente do desenvolvemento integral da persoa, que faga posible un desenvolvemento harmónico e equilibrado que abarque todas as capacidades: persoal, social, intelectual, relixiosa, comunicativa, afectiva, artística, etc. Este desexo de levar a cada persoa á súa plenitude, tanto nas súas dimensións individual e social como na transcendente, fundaméntase en formar persoas libres, vinculadas aos demais, dentro dun ambiente educativo de confianza e buscando un clima de afán e de gusto por aprender, de desenvolvemento do esforzo persoal e de esixencia interior e autonomía.

Educar para o deporte e a vida sa. O ser humano debe coidar con esmero e responsabilidade o desenvolvemento da súa propia corporalidade, que ha de ser activa, plena, vigorosa, sa e autocontrolada. Para iso ha de adquirir hábitos de coidado do corpo a través do exercicio físico, a hixiene e a alimentación equilibrada. Desde o deseño mesmo das instalacións, ata o compromiso por desenvolver a actividade deportiva no centro, así como a oferta de comedor para todos os niveis educativos, supón un magnífico reforzo á educación nestes hábitos imprescindibles na formación dos alumnos, que atopan tamén o seu lugar adecuado nas programacións didácticas dos departamentos e equipos correspondentes. 

Educar coa familia. Unha acción educativa eficaz, especialmente no referente a valores, actitudes e hábitos de traballo, require unha estreita coordinación entre a familia e a escola.

Educar en equipo. Os pais, os profesores, a dirección do centro, os orientadores, o persoal de administración e servizos, os alumnos, todos deben formar unha verdadeira comunidade escolar na que cada un sexa parte integrante dunha gran tarefa común coa que se senta identificado. A creación dun bo ambiente no ámbito do colexio, no que exista respecto, espírito positivo e construtivo, responsabilidade, solidariedade e motivación para unir forzas con obxecto de alcanzar as metas pedagóxicas ás que aspira toda a comunidade escolar, serán un gran incentivo para traballar en equipo, creando unha identidade que transcenda a todas e cada unha das persoas que o integran e se constrúa entre todas elas.

Educar en liberdade e para a liberdade. A educación debe capacitar ao individuo para unha libre e responsable elección entre as diversas opcións que a vida lle ofrece a cada momento. Búscase formar persoas comprometidas coa sociedade na que viven, respectando os principios e valores democráticos, e fomentando que sexan persoas implicadas na defensa da paz, a solidariedade, a xustiza e o medio ambiente.

Educar na apertura e a pluralidade. A educación debe fomentar a práctica do debate e o diálogo, propiciando ocasións que permitan o encontro de pareceres en todos os ámbitos, así como unha convivencia tolerante e pacífica na que se aprenda a xestionar os pequenos posibles conflitos que sempre xera a convivencia, propiciando a mellora das habilidades sociais, o clima de consenso e o acordo responsable das partes implicadas.

Educar para o compromiso. O específico da excelencia educativa é a capacitación dos alumnos, non soamente como cidadáns e profesionais ben formados en coñecementos e competencias, senón tamén para que sexan capaces de comprometerse persoalmente en transformar activamente a sociedade, de maneira que as súas estruturas e os seus elementos resulten cada día máis acordes cos valores de xustiza, convivencia e desenvolvemento humanos.

Educar para a autonomía persoal. Axudarase a cada un para ir descubrindo e desenvolvendo os trazos da súa identidade persoal, a aprender a coñecer e aceptar os seus límites, a valorar e conquistar as súas capacidades, exercitar a súa memoria, proxectar a súa intelixencia e fortalecer a súa vontade, de modo que se consoliden en cada persoa uns principios de reflexión e criterios de acción propios, que afirmen a súa individualidade e centren o seu esforzo de superación persoal.

Educar a dimensión social. Búscase que cada persoa desenvolva un sentido de respecto e aprecio polos demais, así como pola función que cada un desempeña, e aprenda a desenvolverse de modo aberto, afectuoso, dialogante, solidario e xeneroso. Cada proxecto persoal de vida intégrase noutro de rango universal, e a educación proporciona pautas de participación activa que desenvolven a capacidade de influír de forma responsable na vida social. Promoveranse nestas sentido actuacións de voluntariado, como poden ser accións de solidariedade, acompañamento de enfermos e axuda a necesitados.

Educar para o lecer. Na nosa actual estrutura social, hai considerables espazos de tempo en contextos de lecer que desempeñan un papel fundamental na socialización da persoa. Educar para eses momentos e tamén, sen desvirtuar o seu carácter, neses mesmos momentos, é esencial na formación.

Educar a aptitude estética. A natureza e a arte foron sempre un lugar privilexiado de encontro cos valores máis altos. Esa actitude reflíctese na concepción mesma do edificio do colexio, a importancia que se outorga ao recinto, o esmero das programacións artísticas e científico-naturais, o coidado da formación musical e o empeño por participar en cantos programas institucionais estean ao noso alcance.

Educar en apertura ao mundo. Máis aló da oferta educativa en idiomas estranxeiros, a propia mentalidade deste proxecto responde a unha dimensión internacional que busca a apreciación doutras culturas e entende que os novos cidadáns deben concibir a comunidade internacional como o ámbito natural da súa condición cidadá e da súa acción profesional. Neste sentido, concédese unha importancia moi especial ás viaxes formativas, estancias no estranxeiro e todos os programas institucionais.

 

Correo
Llamada
Asignación
Acerca de
Instagram